Skip to main content

A mocidade traballadora galega vese inmersa nunha espiral de empeoramento do nivel de vida, de dificultade para o acceso á vivenda tanto de alugueiro como en propiedade, de crise e de xeneralización dos discursos bélicos. Neste contexto a universidade privada continúa a expandirse coa inclusión dunha nova facultade da UIE onde se ensinará o grao de psicoloxía. Este grao xa se imparte no campus da USC en Santiago de Compostela, pero dende a administración da Xunta non poñen pegas, nin van facelo, pois aprobaron a constitución da universidade privada hai 3 anos. Esta universidade conta con dous campus situados na Coruña e Vigo, onde se impartirán a partir do vindeiro curso 2024-2025 cinco graos.

A UIE (Universidad Intercontinental de la Empresa) é un proxecto impulsado pola Afundación de Abanca. Este proxecto non busca máis que acentuar a taxa de ganancia de Abanca incrementando a súa presenza no nicho de mercado que o sistema educativo universitario ofrece. Para os monopolios a educación é un negocio coma calquera outro, e Abanca garante a xestión directa da universidade non só polo control do capital aportado senón co nomeamento de Miguel Ángel Escotet como reitor, que ademais é presidente de Afundación e “director xeral de responsabilidade corporativa” de Abanca. Ademais, dados os altos prezos das matrículas (ao redor dos 10.000€ anuais), un dos métodos recomendados pola UIE para o seu financiamento é a través do endebedamento contratando un crédito con Abanca, revelando que baixo as falsas consignas de aportar un ensino superior de calidade o que buscan é o beneficio monopolista a costa da nosa clase.

O avance do capitalismo contra a nosa clase dáse tamén na universidade pública. As prácticas en empresas privadas serven de mao de obra gratuíta para as mesmas e amplían a forza do capital para empuxar os salarios á baixa. Isto implica que ademais de afondar na explotación da mocidade traballadora estudante tamén incide no resto da clase. Dende os CMC e CJC xa vimos denunciando esta situación e confrontando a reforma do Goberno de España que abre as portas á educación dual, facendo depender ao estudantado das empresas privadas e ampliando a utilización de mao de obra gratuíta ó tempo que se dificulta a organización estudantil e sindical. Tamén nos atopamos con que a xestión capitalista da educación é incapaz de cubrir as necesidades da clase na cidade de Lugo, onde se eliminarán tres graos porque “non se cumpre o mínimo de alumnos” e obrigando aos estudantes a escoller outros estudos ou marchar a outra cidade.

Por todo isto dende os CMC manifestamos que baixo o capitalismo o estudantado é obrigado a recibir unha educación orientada ao beneficio do capital e instamos a toda a comunidade universitaria a organizarse e loitar contra a universidade privada e o capital, por unha educación pública gratuíta ao servizo da clase traballadora.